Panorama do Fanzine Galego
O mércores 18 de xuño xornada sobre autoedición na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña
A tarde do mércores 18 de xuño teremos unha xornada moi completa sobre autoedición na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña (rúa Durán Loriga 10, 1º andar).
Queremos celebrar así a nosa constante colaboración coas bibliotecas da cidade, e en especial coa BMEL, que fai un traballo enorme apoiándonos no Premio Autobán e desenvolve unha actividade fundamental: a creación da Fanzinoteca Municipal.
Nesta xornada, chamada Panorama do Fanzine Galego, poderedes asistir a tres actividades nunha mesma tarde:
17:30 h. - Presentación das obras gañadoras do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024
Luis Yang presentará “Sunny 16”, obra galardoada co I Premio Autobán; e Gemma Pérez, que acadou un accésit no mesmo certame, ensinará o seu fanzine “Mi nick era #humeda”. Introducirán a charla Emma Ríos e María Álvarez “Yupiyeyo”.
18:30 h. - Visita e presentación da Fanzinoteca da BMEL
Coñeceredes de primeira man o apartado de fanzines da Biblioteca de Estudos Locais, con exemplares representativos da creatividade galega e coruñesa.19:00 h. - Faladoiro sobre autoedición na Coruña
Mesa redonda que tratará a autoedición na cidade desde diversas ópticas, contando coas experiencias de fanzineiras de distintas xeracións e con diferente procedencia e proxección. Participan María Álvarez “Yupiyeyo”, Gemma Pérez, Emma Ríos e Luis Yang, e modera Sira González.